19 de dezembro de 2007

Cea de soci@s


O venres 28 de decembro faremos unha asemblea - cea de soci@s de Arrincadeira.
Merca o teu vale no Aljama ou ben no Local Social de Arrincadeira antes do 25 de decembro (Dia de Nadal).
O vale para a cea custa 10 euros, e será no Bodegón do Josinho ás 21:30 h.

11 de dezembro de 2007

CHARLA-COLOQUIO con KIKO DA SILVA


Kiko da Silva é un ilustrador (debuxante) que colabora coas revistas RETRANCA, EL JUEVES.. e ademáis con varios xornais (La voz de galicia, El pais....) e tén ilustrado contos infantís para KALANDRAKA. Ademáis de ter recibido moitos premios de ilustración.
Non vos perdades a ocasión de velo e escoitalo. Ademáis traerá debuxos seus para ensinarnos.
O vindeiro domingo dia 16 de dezembro no Aljama (Ribadavia - O Ribeiro).
Para mais información sobre Kiko da Silva, visitade o seu blog: http://kikodasilva.blogspot.com/

30 de outubro de 2007

CAVADO A MAN OUTONO 2OO7


EDITORIAL:
Parque empresarial de Carballeda de Avia.

O Parque empresarial de Carballeda convertéuse no tema estrela da Comarca nos últimos meses e, con toda seguridade, o será nos tempos vindeiros, xa que lembremos que a tramitación administrativa apenas comezou.

No que se refire á tramitación burocrática do parque segue exactamente igual que fai uns meses, segue vixente o acordo de non incineración, asinado entre a Consellería de Vivenda e Solo e Medio Ambiente; a maiores saíu a concurso público no DOG a redacción do proxecto de Parque Empresarial (competencia de Vivenda e Solo) e un concurso de ideas para o tratamento dos lodos de depuradoras (Consellería de Medio Ambiente).

No que se refire ós encontros mantidos coas diferentes Consellerías:
Acadárase en maio, nunha reunión mantida coa Conselleira de Vivenda e Solo, a promesa de ter unha reunión a tres bandas entre as dúas Consellerías e os Axentes Sociais e Asociacións implicadas, en principio esta reunión ía ser nos 10 días seguintes ás eleccións municipais, finalmente foi en setembro e sen estar presente a Consellería de Medio Ambiente.

Esta reunión (7 de setembro) convertéuse nunha repetición da anterior xa que a non comparecencia de Medio Ambiente foi a nota máis relevante désta. Lembramos que á Consellería de Vivenda e Solo compételle a xestión do solo do Parque, coma en calquera outro parque empresarial; pero a xestión do lixo correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental.
Por parte da Consellería de Vivenda e Solo, repetíase por activa e por pasiva que para aí non permitirían que viñeran empresas contaminantes (pero se contaran co visto bó de Medio Ambiente non poderían facer nada), mesmo se ofreceron a asinar certas restriccións para empresas que viñeran para aí.

O que sí quedou máis que claro son as malas relacións entre as dúas Consellerías, xa que apenas tres días despois, a Consellería de Medio Ambiente convocaba en Compostela ós grupos ecoloxistas ADEGA, Verdegaia, Amigos da Terra, e FEG, deixando sen convocar ás asociacións ecoloxistas do Ribeiro.
Nesta reunión convocada dun día para outro (12 de setembro) o Conselleiro de Medio Ambiente, aclarou (sen garantías escritas) que para Carballeda de Avia non virían residuos sólidos urbanos, nin residuos dos considerados “perigosos”, xa que éstes van para Sogarisa (Ferrolterra).
Volveu a insistir en que aínda non hai nada elaborado e o que se colga na páxina de Medio Ambiente son proxectos orientativos pero que está todo en fase de estudo (decalracións de Pachi Vázquez). Pasa entón a ser o problema os residuos que, sen seren considerados perigosos, sí son tóxicos e non poden tratarse nun radio menor ós 2000 metros dunha poboación, néstas circunstancias atópanse ácidos e bases, aceites industriais… recoñecendo o propio conselleiro que o Parque de Carballeda vai dirixido a esta franxa de refugallos.

Estaba convocada tamén unha manifestación contra o Parque para o día 15, manifestación á que acudiron, segundo a organización, 5000 persoas e segundo a policía 700; manifestación que valeu para descubrir o compromiso ecoloxista do PP, compromiso ó que tamén se sumaron os novos ecoburgueses.

Sorprende moito ver cómo un foro que se autodenomina “Temos dereito a saber”, e coñecendo dende o mércores día 12 o compromiso do Conselleiro de que non ían vir os RSUs para Carballeda de Avia o seguiron mantendo como un dos puntos estrela do seu manifesto. Ocultouse esta información de xeito intencionado.

A maiores vimos o nacemento nestes últimos días dunha plataforma patrocinada polo PSOE a prol do Parque Ambiental co principal eslogan dos postos de traballo.

Co paso dos días (isto saltou fai un ano) fomos observando varios cambios:
• Recortes no “proxecto“: non aparecen xa os RSUs, os lodos están en fase de estudo…
• Con respecto ós que abandeiran a loita pola información centráronse máis en amedrentar e desinformar, ou máis ben, contar o que lles convén.
• Como novidade nace o movemento tiffosi a favor do Parque onde non se coida o máis mínimo a posible imparcialidade da plataforma xa que todas as aparicións públicas as fan cargos do PSOE.

Dende esta asociación seguimos apoiando o manifesto elaborado polos grupos ecoloxistas da Galiza e actualizado despois da reunión co Conselleiro de Medio Ambiente. Este manifesto foi elaborado e asinado polas organizacións: ADEGA, Amigos da Terra, Coto do Frade, FEG (Federación Ecoloxista Galega) e Verdegaia:

Posicionamento Ecoloxista en torno ao Proxecto de Polígono adicado
á Xestión de Residuos en Carballeda de Avia.

Perante a iniciativa de instalación en Carballeda de Avia dunha infraestructura de tratamento de Residuos denominada “Parque Medioambiental”, os grupos ecoloxistas abaixo asinantes REXEITAMOS este proxecto por:
- Falta de planificación previa sobre o tratamento de Residuos Urbanos e Industriais a nivel galego (nova Lei Galega de Residuos e Planos Galegos de Residuos Sólidos Urbanos e
de Residuos Industriais).
- Pésima política informativa da administración con continuas declaracións e propostas distintas e mesmo contradictorias.
- Pola súa proximidade aos núcleos de poboación sitos a menos de 2000 metros, pola súa posíbel afectación aos recursos hídricos e pola falta dun estudo previo para outros
posíbeis emprazamentos.
- Porque a día de hoxe seguimos sen saber a natureza, procedencia e volume dos residuos e as técnicas que se van usar para o seu tratamento.
- Rexeitamos nése emprazamento a posibilidade de levar Residuos tóxicos e perigosos como disolventes, aceites industriais ou ácidos e bases.

Porén, APOIARÍAMOS plantas de tratamento para a xestión de residuos, sempre e cando
cumprisen os seguintes criterios:
- Estivesen enmarcadas nun modelo de xestión no que prime a Reducción.
- Estivesen baseadas en sistemas de tratamento que exclúan a incineración (incluído plasma ou pirólise).
- Que se escollan os emprazamentos máis axeitados para garantir a saúde
ambiental e cidadá en función do residuo a tratar, e non ao revés.

Finalmente, os grupos abaixo asinantes manifestan o desexo de que a xestión dos residuos deixe de ser empregada como ferramenta partidista e que pase a ser considerado un dos piares básicos dunha sociedade galega sustentábel.

26 de outubro de 2007

magosto popular


o vindeiro venres dia 2 de novembro, festexamo-lo MAGOSTO en arrincadeira. haberá comida, bebida, festa, música ao vivo, e castanhas... ainda non se sabe! co outono raro que tivemos...
e o mercores 31, véspera de santos, tamen celebraremos o II CAMPIONATO DE FUTBOLIN (ou matraquinho).
E tampouco esquezades a NOITE MEIGA, o sabado 3.

9 de julho de 2007

Xa podedes actualizar as cuotas!


Pasádevos polo local social e actualizade as vosas cuotas. A vosa axuda é imprescindíbel para o mantemento do local. Graciñas a tod@s!

19 de junho de 2007

NOITE DE SAN XOAN EN ARRINCADEIRA


O sábado 23 á noite, na véspera de San Xoán, festexarémo-la noite das meigas en Arrincadeira, no local da rúa Mera Soto. Haberá actividades para cativ@s a partires das 19:30 horas, e despois, festa e fogata. Xa sabes, espanta ás meigas coa xente de Arrincadeira!

5 de junho de 2007

ESTAMOS DE OBRAS DO BLOG

en breve teremos o noso blog actualizado!!
desculpade as molestias

9 de abril de 2007

CAVADO A MAN Nº3


Está á vósa disposición o novo número do Cavado a man, e imos polo 3! @s que queirades un exemplar pasádevos polo local social Arrincadeira. Saudos

16 de março de 2007

CHARLA - COLOQUIO con LIDIA SENRA

Hoxe ás 8 do serán, Lidia Senra - Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego - estará no Cafe-Pub Aljama de Ribadavia nunha charla - colóquio sobre "Os impactos da agricultura industrial".
Quedades convidados.

15 de março de 2007