12 de agosto de 2009

Moncho Reboiras, a loita continúa !



Xosé Ramón Reboiras Noia, máis coñecido como Moncho Reboiras, nado en Imo (Dodro) o 19 de xaneiro de 1950 e asasinado en Ferrol o 11 de agosto de 1975, foi un militante nacionalista galego, membro da UPG.

Participou nun grupo dedicado a dotar á UPG de infraestruturas loxísticas, que incluía unha fronte armada que loitase contra a ditadura, un comando composto por un reducido número de persoas. O escaso armamento do que dispuña procedía do grupo portugués LUAR e adestraban no sur da provincia de Pontevedra. A primeira acción foi un atraco a un banco en Escairón. Identificado pola Garda Civil permanece oculto por un tempo. Cando se atopaba en Ferrol, onde se estaba a organizar a UPG, a Brigada Político Social (BPS) estabelece na noite do 11 de agosto de 1975 un control na zona de Canido. Ás 2 da mañá numerosos efectivos da BPS, acompañados de máis de 300 axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba con 2 militantes máis, que lograron fuxir. Ao cabo de dúas horas a policía dá alcance a Reboiras no portal do número 27 da rúa da Terra, disparándolle varios tiros, un deles na caluga. A partir dese momento desátase un amplo operativo en toda Galiza coa detención de varios militantes nacionalistas e o exilio a Portugal (xa trunfara a Revolución dos caraveis en abril de 1974) dun gran número de membros da UPG.

Actualmente está soterrado no cemiterio parroquial de san Xoán de Laíño, no concello de Dodro.

Nenhum comentário: